Salvemos Sanxenxo

15 junho 2006

Artigos e Opinión 4:

  • Decálogo para políticos faltos de recursos


Se algunha vez un governante, sexa de ámbito local ou non, atopa-se nun apuro ante as perguntas que os seus governados podan facer-lle sobre temas de difícil contestación, deberia ter en conta os seguintes consellos:

1.- Hai que partir da base que a información que transmite o poder sempre é máis críbel, ainda que non máis veraz, que a que espalle a oposición.

2.- É necesário insistir moito en que as mensaxes dos discordantes son sempre falsos. Non é preciso demostra-lo.

3.- Convén botar-lle a outros a culpa dos problemas. Se un concelleiro de urbanismo é criticado porque un promotor inmobiliário levanta unha obra sen a correspondente licenza, debe respostar que a ilegalidade comete-a o construtor.

4.- No suposto que se lle exixa unha atitude activa de defensa da lexislación vixente, por exemplo, paralisando unhas obras, debe utilizar o sempre efectivo recurso do siléncio administrativo.

5.- Se as mensaxes dos díscolos son moi convincentes fai-se preciso descalificar aos mensaxeiros. Serán persoas ávidas de poder e antidemocráticas que só buscan un beneficio persoal.

6.- Convén facer sempre algunha promesa, mais non cumpri-la. Seria unha mostra de debilidade que aproveitarian os contrincantes.

7.- Os médios de comunicación son de vital importáncia para espallar a verdade na que se cre, a única verdade. É doado conseguir un trato vantaxoso dalgún xornalista a cambio de pequenas exclusivas.

8.- Ante a colisión de intereses entre os empresários do cemento e os viciños intransixentes, debe optar-se polos primeiros como símbolo de modernidade. Ao fin e ao cabo, eles cambiaron o anticuado nome de construtores polo de axentes urbanizadores.

9.- Os governantes, por seren elexidos, gozan do beneficio da capacitación. Son os máis aptos e non cabe discutir nen contestar as suas decisións. Puro axioma.

10.- Non ter medo de infrinxir de cando en vez a lei. É unha prática intrínseca ao exercício do poder. Polo tanto, os que teñan que xulga-los coñecerán ben os miolos da lei e actuarán con magnanimidade.

De seguir estas sinxelas recomendacións podemos asegurar que todo permanecerá igual. Son ensinanzas recollidas das experiéncias de milleiros de anos.

Etiquetas: , ,

0 Comentários:

Enviar um comentário

Subscrever Enviar comentários [Atom]



<< Página inicial