Salvemos Sanxenxo

15 junho 2006

Artigos e Opinión

  • A defensa da beiramar
Comezou o derrubo das casetas de Vilarrube. Son unhas cincuenta as que van desaparecer, o dobre das que en abril do 1996 foron eliminadas por Costas na praia da Frouxeira. No verán do 2002 tocáralle tamén a un bloque de apartamentos na costa de Foz. O aviso das demoliciós que por encargo da Demarcación de Costas de Galicia acaba de comeza-la empresa Tragsa, é xa do mes de outono, pola situación de ilegalidade que, según as autoridades, se dá nas construcciós que agardan ter eliminadas antes de Nadal. Agora ven o grave, xentes que teñen que levanta-las súas pertenzas e que terán de buscaren un novo lar. “Romperon as portas, reventaron todo”, comentaba Francisco Romero, mentres unha pá destruía o cerre da finca e os sebes alí prantados. Outros veciños comentan que non creían o que estaban mirando, que incluso o concello viña cobrando a correspondente contribución urbá, insólito se realmente non existía licencia de obra. Parece como se, no fondo, neste como noutros casos sabidos, se dera unha situación de burla e desamparo, falta de sentido a nivel municipal, de inhibición ou desconocemento á hora de aplica-la Lei. Hai clamor social certo, porque a actuación parece desproporcionada, aínda que sexa legal, procedente.



Coincidindo coestes acontecementos, Touriño fixo un chamamento en demanda da colaboración de todo-los concellos de Galicia, para evita-la marbellización da nosa costa. Política Territorial propón unha nova modificación da Lei do Solo, agárdase que en sintonía coa Lei de Costas, de cuio comprimento tense feito moitas veces deixación de funciós a nivel municipal. E no debate entra novamente o chamado feísmo urbanístico, os excesos de Corcubión, Raxó ou Sanxenxo; a invasión, nalgún caso, da zona de protección litoral. Pero a ver se Costas ou Medio Ambiente chegan realmente a poñer orde en certos feudos, nos que se supón que que os propietarios teñen un maior poder adquisitivo que os veciños de Vilarrube, en Valdoviño, e que, dun ou doutro xeito poden sortea-la execución de sentencias dictadas hai xa tempo. E facendo lectura dunha serie de opiniós en relación co debate sobre sí se deben restrinxi-los permisos prá construir no litoral, aparecen comunicados cheos de retranca, de desconfianza. Piden uns restricciós, falan outros de prostitución do litoral, de arraso coa ocupación dun espacio que é ben común, ou de que se debe reparar todo o mal feito, poñer fin cos desmáns, con todos, e non só cos das xentes de Vilarrube e outras, por falta de planificación, caso no que habería que pensar nunha posible responsabilidade política.



Avisan algús de operaciós especulativas na Mariña lucense e na praia de Carnota, conocida polo Prestige, presuntamente na axenda de promotoras matritenses. Outro opinante, lacónicamente, dí: “Demasiado tarde por demasiados intereses”. Pero en xeral hai unha certa concienciación no sentido de que sí debemos limita-la construcción, a 200 metros da costa nas praias, a 100 nos acantilados. Coido que Touriño ten ante sí un gran reto pró que farán falta moitos anos de política restauradora, porque a súa idea rexeneracionista, mesmo a creación dunha Axencia pra esponxa-lo litoral, poden ter diante súa o potencial económico que conlevaría unha paisaxe mellorada e a conseguinte maior capacidade de atracción turística. A proba do algodón, de saber ata ónde vai chegar esta Xunta co apoio da Administración central sería a eliminación de certo edificio oficial, un dos atrancos que impiden abrir Vigo ó mar. En clave optimista, podemos pensar que estamos na arrancada dun certo proceso sancionador que inclúe, tamén, a revisión do Plan Sectorial das Prantas de Tecnoloxía Alimentaria (piscifactorías). Que as obras de Rinlo permanezan paradas por decisión xudicial, pode ser positivo. Pero veremos ónde chega a Xunta, que algo lenta vai neste asunto.



No que parece que patina a consellería de Medio Ambiente é no tema da EDAR dos Praceres, máis ilegal que as casetas de Vilarrube e que non ten título habilitante. A cuestión do saneamento de Pontevedra e Marín é algo que hai que repensar. En contra do previsto na Constitución, as xentes de Lourizán-Praceres, seguen a sofriren un verdadeiro ataque ó seu medio ambiente. E a memoria histórica das agresiós ás marismas non se limita á dictadura. Continúan as actuaciós involucionistas (ferrocarril, EDAR), intentan xustificaren o que non se pode admitir. E xa non estamos a falar do réxime franquista senón doutros protagonistas, corresponsables con el no deterioro da ría. Se queremos findar co horror aquí instalado, a Xunta deberá restaurar ese espacio. E facelo con rigor.

por Xesús López Fernández

Etiquetas: ,

0 Comentários:

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]



<< Página inicial