Salvemos Sanxenxo

18 junho 2006

NOTICIAS BOMBA 1

  • Sanxenxo lidera o desenvolvemento urbanístico na costa con 6.914 novas vivendas

  • A PRINCIPAL ZONA EN CONSTRUCIÓN É MIRAFLORES, UN NÚCLEO A 400 METROS DO CENTRO ONDE UN CHALÉ CUSTA 332.000 EUROS
  • Os promotores constatan que o prezo por metro cadrado "disparouse" e o PXOM contempla 30 chans urbanizabeis.

Ter unha vivenda en Sanxenxo é, ademais dun investimento seguro, un luxo ao alcance de poucos. Se fai apenas catro anos comprar un apartamento en Miraflores, a 800 metros da praia de Silgar, custaba en torno a 100.000 euros, agora resultaría practicamente imposible facelo por menos de 170.000.
A creación de novas bolsas de chan urbanizable, coa aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal no ano 2003, as boas comunicacións coa meseta, unhas temperaturas apracibles durante todo o ano e a aposta de empresarios e Concello pola dotación de instalacións de calidade converteron á vila nun lugar elixido cada ano por decenas de persoas para vivir.

O encarecemento do metro cadrado non disuade aos compradores e son precisamente as zonas con prezos máis elevados as máis cotizadas. En primeira liña de praia queda moi pouco chan para edificar. A inminente demolición do antigo pub Edra permitirá a construción dun edificio de baixo, catro plantas e baixo cuberta que albergará unhas 40 vivendas. Outra das parcelas dispoñibles é a situada en Punta Vicaño, que mide uns 800 metros cadrados, 300 menos que a ocupada polo Edra. Aí levantouse un inmoble de aproximadamente 35 pisos que xa están á venda.
En ambos casos, o custo do metro cadrado útil roldará os 6.000 euros, unha cifra que supera en 1.000 o prezo en Baiona pero que é equiparable ao valor do chan urbanizable en Marbella.
A escaseza de parcelas fai que o pouco dispoñible adquira o carácter de único. Os promotores de Sanxenxo constatan unha aceleración dos prezos de aproximadamente o 15% ata 1999, porcentaxe que a partir deste ano "disparouse", segundo o grupo inmobiliario Eira. Así, se nun apartamento de dous dormitorios no edificio Marycielo podía adquirirse en 2001 por 271.000 euros, o seu valor no mercado alcanzaría na actualidade os 421.000.
Vistas ao mar
En segunda liña de praia hai unha maior variedade de prezos, en función de se o inmoble ten vistas ao mar ou, pola contra, dá a unha rúa interior. E é que gozar de ría sen saír de casa custa o seu. Entre 3.000 e 5.000 euros vale o metro cadrado por detrás do paseo de Silgar, por exemplo, en función da paisaxe que estea alén da fiestra.
Esgotado o casco urbano, Sanxenxo está condenado a crecer cara a núcleos que ata fai soamente un lustro estaban considerados as aforas, como o caso de Portonovo ou Miraflores. Neste último punto, situado a 400 metros do centro e 800 do areal, a compañía inmobiliaria Fadesa investirá 110 millóns na creación dunha urbanización de 429 vivendas de diferentes tipoloxías: casas de estilo mediterráneo, chalés adosados e pisos, algúns deles de protección oficial.
O feito de que Fadesa elixa Sanxenxo para acometer a súa primeira actuación en Rías Baixas non é balde. O municipio espertou as expectativas entre o sector inmobiliario, consciente do perfil dos compradores potenciais. A urbanización de Fadesa, coñecida como Casas de Maralta, está dirixida a un público de alto standing, que busca escapar da masificación do centro e unha serie de servizos impensables no casco urbano, como amplas zonas verdes e piscinas.
Un apartamento en Miraflores rolda os 170.000 euros, mentres que os pisos superan xa os 200.000. Nestes momentos atópase en fase de cons- tracción unha urbanización de chalés que serán entregados no verán de 2007, cuxo prezo rolda os 332.000 euros.

Chans urbanizables
O Plan Xeral de Ordenación Municipal supoñerá o desenvolvemento de trinta chans urbanizables, nos que se construirán un total de 6.914 vivendas. Dous dos máis importantes son os número 13 e 14, en Monte Faro, que albergarán 1.228 e 1.347 respectivamente en dous parcelas que suman unha extensión de 636.076 metros cadrados. A lexanía do mar será compensada coa dotación dunha serie de instalacións de luxo de carácter público, como un campo de golf, un parque arqueolóxico e unha gran zona verde de 900.000 metros cadrados.
Segundo a inmobiliaria Eira, está previsto que as obras comecen no prazo de dous anos, xa que os promotores necesitan estar en posesión de polo menos o 51% do terreo, unha porcentaxe difícil de conseguir debido á gran cantidade de propietarios existente, problema relacionado co minifundismo galego.
Volvendo á costa, merecen especial mención os núcleos da Granxa, onde se construirán 510 vivendas, Os Cotos, con 407, ou Punta Festiñanzo, a 262 metros da praia de Areas, con 260. A altura máxima destas edificacións será de dúas plantas, debido á proximidade do mar. Existen tamén proxectos para urbanizar un terreo de 27.458 metros cadrados en Foxos, nas proximidades da capela da Lanzada, para construír 138 vivendas.
Os 30 chans urbanizables contemplados no PXOM representan o 5,5% da extensión total do concello e xerarán 117 hectáreas edificables e 330 de cesións públicas. Catorce deles foron aprobados xa definitivamente pola corporación municipal e supoñen 4.250 vivendas con 18.597 novas prazas de aparcamento públicas e privadas, aínda que soamente está en construción o número 28, no lugar de Bouzón, na parroquia de Nantes.

A demanda e a evolución do mercado inmobiliario encargaranse de determinar o prezo que alcanzarán estas novas vivendas cando saian á venda. Neste momento, a zona máis asequible é a parroquia de Vilalonga, que ofrece a posibilidade de adquirir un apartamento de dúas habitacións por 102.000 euros. Trasladarse ao rural converteuse na mellor opción para os compradores cun poder adquisitivo medio, xa que os prezos da vivenda de segunda man son xa equiparables aos das de nova construción. Un piso duns 100 metros cadrados en primeira liña de praia nun inmoble de sete anos de antigüidade sen garaxe pode custar en torno a 450.000 euros, ao que habería que engadir o custo das reformas e de praza de aparcamento.
Pulsar para subir

0 Comentários:

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]



<< Página inicial