Salvemos Sanxenxo

01 setembro 2006

ODía: Artigos de opinión

  • No show de Truman :SENTIDIÑO
A OFERTA galega para ocio, residencia e lecer debera dar un salto non só cuantitativo, senón sobre todo cualitativo. Procesos urbanísticos como os de Sanxenxo, Baiona, ... e tantos outros ata A Mariña luguesa, supoñen unha ocupación intensa, pseudourbana e despersoalizada do noso litoral que foi da man do abandono do rural e da paisaxe. O rexional e autóctono quedou reducido ao folklore dun rosario de festas gastronómicas donde a conxestión e a masificación están garantidas. Moita movida si, mais pouco que fotografiar ou conservar no feito nos últimos 40 anos. Mentres tanto caen muros de pedra, as silvas papan aldeas enteiras e fermosos barrios históricos esmorecen no abandono.

O monte Tegra ou as illas Cíes -dous destinos fixos para os nosos visitantes- inzados de eucaliptos ou acacias, con construcións deleznables, son exemplos dun erro categórico. Claro que como no noso privilexiado litoral temos ducias de espacios naturais singulares (hoxe na rede europea Natura 2000) a cultura da présa, da chapuza e do beneficio a curto prazo poden -con vías rápidas, corredores, autopistas e AVE- esnaquizar co que queda.

En Irlanda ou Escocia gastan fondos europeos para recuperar as lindes de pedra, valoran como se merece a cuberta de brezais ou toxos, rehabilitan as vellas casas, lugares e aldeas (ou replícanas con xeitosas copias)... mesmo usan como reclamo turístico na prensa española unhas ovellas nuns cantís. De texto escriben: « ¿Problemas para coller o sono? Conta con nós ». E así consiguen «só» de tres a dez veces máis turistas estranxeiros que Galicia, e sen apenas sol nin praia. Na outra beira do Atlántico, en Nova Inglaterra (EE.?UU.), as cores do outono, as follas das árbores, a ocupación urbanística con sentidiño son quen de facturar millóns de dólares de negocio turístico.

A escolleita nos dous casos é: réplicas a escala de Marina D'O r ou o Mosteiro de Oia convertido nun complexo termal-residencial mergullado e armonioso coa paisaxe. Pasteleo de novo rico ou non, esa é a cuestión. Quero pensar que aínda estamos a tempo de recuperar o entorno rural do noso litoral -e do interior- cunha expansiva oferta residencial que se alimente do mellor da nosa cultura e estilo de vida, da nosa mellor arquitectura (dos pazos ás aldeas) e das nosas costumes (en festas, ritos, gastronomía, artes, música e historia), augas (termais, para beber, para o deporte, ...), ou da nosa cambiante paisaxe (soutos, fragas, viñas, lameiros, cerdeiras ...).

Mais, para eso van facer falla moitas e urxentes Directrices de Ordenación do Territorio, moito sentidiño en Urbanismo, pouco medo en Medio Ambiente, menos man polo lombo en Vicepresidencia, Presidencia ou Patrimonio, e moita imaxinación en Cultura e Turismo. Suma e segue: promotores e construtores innovadores, arquitectos non fotocopiados, moita máis pedra que cemento... e clientes informados. ¿Será moito pedir?

(ALBINO PRADA BLANCO)La Voz de Galicia-13 de Decembro de 2005

0 Comentários:

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]



<< Página inicial