Salvemos Sanxenxo

07 setembro 2006

Noticias de Sanxenxo

Sanxenxo crea máis vivenda nova que Pontevedra e Vilagarcía xuntas
07/01/2005 | La Voz de Galicia

Sanxenxo é un claro motor da construción na provincia. Só nos últimos seis meses, o municipio turístico iniciou máis vivendas novas que Pontevedra e Vilagarcía xuntas. Segundo os datos do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, que está obrigado a visar cada novo proxecto de construción, só en Sanxenxo autorizáronse desde o pasado mes de xuño 637 novas vivendas, polas 290 rexistradas en Pontevedra ou as 292 que se promoven en Vilagarcía.
Os datos do mesmo período do 2003 desvelan que Sanxenxo foi tamén líder, aínda que cunha cifra máis moderada. Entre xuño e novembro do ano pasado tramitáronse en Sanxenxo 447 novas vivendas. De novo superouse a Pontevedra, que rexistrou algo máis de trescentas. Con todo, o despegue definitivo da construción de pisos novos en Sanxenxo coincide coa entrada en funcionamento da Xerencia de Urbanismo. O organismo municipal que xestiona toda a actividade inmobiliaria no municipio comezou a funcionar en xullo do 2004.
O tirón da construción tamén ten unha tradución económica para Sanxenxo. O Concello estima que pode ingresar 46 millóns de euros nos próximos anos grazas ás cesións previstas nos convenios urbanísticos.
Pisos baleiros
Algo máis de cen de cada mil pisos baleiros na provincia concéntranse en Sanxenxo. O municipio cun dos prezos medios por metro cadrado máis elevados ten máis vivendas sen inquilinos que ocupadas. Porque se as familias de Sanxenxo renunciase a vivir xuntas nos seus fogares, o municipio tería para ofrecer á xente empadroada case unha vivenda por cada habitante.
Das 13.585 residencias que se construíron no concello, só 4.719 teñen moradores habituais. O resto permanecen desocupadas durante a maior parte do ano.
Contrariamente ao sinalado habitualmente, o groso do parque inmobiliario baleiro en Sanxenxo non o constitúen pisos de segunda residencia. Do total, só 1.875 figuran como tal. Os 6.991 restantes son vivendas baleiras que contribúen a inflar notablemente o mercado especulativo do chan local, segundo a opinión máis estendida entre os expertos. Trátase de pisos que se compran, ou ben para especular co seu valor nun mercado de gran demanda, ou para poñer en aluguer durante unha época moi determinada, coincidindo coa chegada de turistas, sen que durante o resto do ano contribúan a dinamizar un mercado de aluguer nin se poñan á venda para ampliar a oferta existente.
Algúns municipios galegos como A Coruña ou Pontevedra iniciaron sen gran éxito políticas para penalizar a través dunha taxa específica as vivendas baleiras. En Sanxenxo, o Concello non puxo en marcha ningunha medida nesa dirección.

0 Comentários:

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]



<< Página inicial