Salvemos Sanxenxo

19 outubro 2006

O Día: Artigos de opinión





  • Sanxenxo- Marbella
Do mesmo xeito que o próximo adoita resultar o máis difícil de descubrir, o obvio é moitas veces o que é máis necesario explicar. Por iso, ante o posible caso de corrupción urbanística de Sanxenxo, é necesario dicir que estas prácticas non son produto da política, da democracia e do sistema de partidos. Moi ao contrario: grazas á democracia poden ser denunciadas por cidadáns que non han de temer represalias, divulgadas e analizadas ás veces tamén denunciadas por unha prensa libre, investigadas por unha policía que está ao servizo da lei e non dun poder arbitrario e xulgadas con independencia. Tanto nas ditaduras como nas democracias danse e daranse sempre estas corruptelas, porque forman parte da natureza humana. A diferenza radica en que nas ditaduras a corrupción queda impune salvo que interese desvelala por axustes de contas internos entre os grupos de presión que se reparten o poder, os cidadáns teñen medo e calan aínda que saiban, a prensa está amordazada, a policía está ao servizo dun poder arbitrario e o sistema legal está atrapado nas redes dese mesmo poder. A democracia, pola contra, no canto de favorecer a corrupción fai posible a súa denuncia e o seu castigo. Por iso danse máis escándalos nelas que nas ditaduras.

Obviedades, desde logo. Pero por iso mesmo necesitadas de explicación. É frecuente oír estes días como se culpa á democracia e ao sistema de partidos de casos como o de Marbella ,moi próximo o de Sanxenxo . E xeneralizacións do tipo "todos son iguais" ou "a política é unha merda". Poucos comentarios oín, en cambio, nos que se agradeza á democracia que o caso se de a coñecer, que a prensa informe del, que a policía investigue e que os xuíces o xulguen cando chegue o seu momento. E menos aínda que distingan entre os fallos puntuais das institucións, os partidos ou as persoas e a crítica irracional que impugna a totalidade. Unha especie de subconsciente totalitario parece crecerse con estas noticias ata desbordarse no vómito antidemocrático que nos salpica a pouco que nos apoiemos na barra dun bar ou oiamos unha conversación nun autobús.


O momento político actual non é, nin moito menos, brillante. Os partidos tenden a converterse en oficinas de emprego e a ensimesmarse nos seus intereses ou estratexias internas. A sociedade civil afúndese cada vez máis nunha apatía que deixa a cousa pública por completo en mans duns políticos profesionalizados na construción. A clase intelectual pace apaciblemente nos comederos das subvencións. Hai moitos motivos para preocuparse ou queixarse. Pero ningún para poñer en cuestión a política ou a democracia facéndoas responsables de casos tan penosos como o de Sanxenxo ou Marbella

Etiquetas:

0 Comentários:

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]



<< Página inicial