Salvemos Sanxenxo

08 janeiro 2007

  • Greenpeace denuncia a política continuísta da Xunta coa costa ó limitar só a dous anos a suspensión de licenzas nos 500 metros por "presións da patronal e Concellos"
• Os ecoloxistas sospeitan que "as construtoras do Levante convenceron a Touriño"
M. RODRÍGUEZ. SANTIAGO
Greenpeace amosa a súa decepción co Goberno galego tras o anuncio de limitar só a dous anos a suspensión de licenzas na franxa dos 500 metros de costa e cren que cando se pase ese prazo volverá a política do "todo vale".
A responsable da campaña ‘A toda costa’ en Galicia e a autora do Informe sobre a situación do litoral presentado en xullo do 2006, María José Caballero, asegura que "desde a Xunta se fixeron moitos anuncios pero non se plasman en medidas para conservar a costa. A medida de non construír na primeira liña só lle afectaba a solos non cualificados como urbanos, o que era unha realidade simbólica, e agora suspender só por dous anos responde á presión da Confederación de Empresarios de Galicia, o que nos reporta un modelo continuísta que deixa en mans dos Concellos a xestión do urbanismo".
Para Greenpeace, "está claro que á Xunta non lle preocupa que o litoral se conserve", aínda que a conselleira de Política Territorial, María José Caride, se encargase de incidir que o obxectivo é "non chegar tarde cos prazos para instaurar o modelo urbanístico que aspira para Galicia, cun cambio necesario para chegar a tempo".
Precisamente, María José Caballero confesa sentirse "sorprendida" pola falta de resposta da titular do departamento encargado da ordenación territorial tras a publicación do informe ecoloxista que denunciaba a existencia de 45 puntos negros no litoral da comunidade. "Directamente non recibimos resposta tras a difusión do estudo, pero estivemos atentos ás reaccións de Caride e do presidente Touriño quen recoñecían que a situación era moi grave. Ofrecémoslles unha reunión para compartir ideas pero polo momento non obtivemos resposta, polo menos aínda que fose para dicir que non poderían ter contestado".

  • Os perigosos pasos de cara á marbellización
Desde a ONG, dan un paso máis e denuncian os pasos cara a marbellización, un termo xa tristemente famoso, que dá Galicia soportando o peso de influencias demasiado potentes como "os municipios, que enchen as súas arcas a conta do urbanismo, as inmobiliarias e as grandes construtoras do Mediterráneo que desembarcan no Atlántico e convencen literalmente á Xunta".
Casos como o da Costa do Sol crearon para Greenpeace "unha alarma social tremenda porque os cidadáns decatáronse da sensación de impunidade onde impera a política do todo vale e deste xeito todos vemos a punta do iceberg de casos reais en case todos os municipios, polo que os cidadáns de a pé temos moito que dicir para loitar contra esta barbarie".
María José Caballero, coñecedora do negro panorama que se cerne sobre a fachada atlántica, esixe un plan do litoral que se fixe como obxectivos ordenar o territorio, "establecer a gran valía que ten protexelo e aplicar as normas de forma rigorosa". Ademais, ve necesario denunciar as irregularidades e sancionar de forma exemplar porque "todos os galegos teñen que tomar conciencia da riqueza do litoral, polo que se deben atrever a incidir nas agresións que contemplen porque facelo é o camiño para garantir o futuro".

  • Un tirón de orellas para o Ministerio de Narbona
Greenpeace incide tamén nas súas críticas á xestión do Ministerio de Medio Ambiente na comunidade, porque encheu de cemento a costa con multitude de paseos marítimos polo que "cómpre traballar para que Galicia non sexa un pobre reflexo do que foi e se converta en ladrillo puro".
Respecto da polémicas das piscifactorías e a súa situación en espazos protexidos, un dos temas que creou máis debate ultimamente, Caballero é clara: "Co Goberno Fraga cometéronse auténticas ilegalidades ó situar plantas deste tipo en espazos protexidos, e Touriño púxolle o freo a algunhas pero outras seguen adiante. O litoral, e sobre todo as zonas de Rede Natura, hai que respectalo porque o din as leis de tódolos ámbitos".
Por último, Greenpeace reclama "sentidiño" no tema da contaminación en Galicia, que incumpre reiteradamente a normativa europea en canto á depuración de augas residuais, tema que incluso xa foi amoestado pola Unión Europea no caso concreto da ría de Vigo, un dos puntos negros.
  • O FUTURO
Aumenta a edificabilidade nun 80%
O informe Destrución a toda costa, elaborado por Greenpeace en xullo do 2006, afonda na ameaza da marbellización en Galicia achegando datos moi reveladores: 600.000 vivendas, 17 campos de golf e 24 portos deportivos estarán listos nos próximos anos, é dicir, 1.200 dos 1.720 quilómetros de costa ameazados polo cemento.
Segundo as informacións da organización ecoloxista, aumentará nun 80% a edificabilidade na franxa costeira nos próximos anos e Metrovacesa en Vigo, a construtora do ex futbolista Valery Karpin na Guarda, Lábaro Grupo Inmobiliario na Costa da Morte, ACS na Mariña, Fadesa e unha morea de potentes nomes repártense xa o cobizadi botín. Nos novos Plans Xerais de Ordenación Municipal presentados no litoral, unha trintena de municipios aumentan a súa edificabilidade en máis dun 100%, aínda que se chega a un 200% en nove vilas como a Illa de Arousa, Meaño (con 2.000 vivendas, que pretenden ser 21.818), A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Outes, Mugardos, Sada, Ortigueira e Pontedeume. Falando en termos absolutos, Greenpeace precisa que o maior incremento é o de
Vigo, con 144.000 novas construcións, unha cifra superior ás 123.500 existentes, e no outro extremo cómpre citar a Camariñas, que non contempla a construción de máis bloques polo momento.
Pero o verdadeiro "bombón" na actualidade para os promotores é a Mariña lucense, que ata o momento tiña un dos índices máis baixos de urbanización no seu primeiro quilómetro de costa. Agora, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros ou Ribadeo concederon xa as licenzas para a construción de 6.000 novas vivendas na zona "co maior auxe expoñencial de toda a costa galega".
Para colmo de males para Greenpeace, a febre dos campos de golf chegou a Galicia, "pero non porque haxa unha demanda social que reclame estas instalacións, senón polo negocio que supón recualificar terreos rústicos para implantar estas instalacións".

Etiquetas:

0 Comentários:

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]



<< Página inicial