Salvemos Sanxenxo

25 fevereiro 2007

Noticias

  • O decano dos arquitectos alerta de que Sanxenxo non é un modelo sostíbel.


  • Ramón Lueje estráñase de que poida haber alcaldes que ao mesmo tempo son construtores na súa propia vila ·

Alerta que de seguir así, chegará o caos


Sanxenxo non é un modelo de desenvolvemento urbanístico sostíbel nin un exemplo a seguir en Galicia, sentenciou en Santiago o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Celestino García Braña, sobre a que foi a localidade turística por excelencia na comunidade durante anos.

Esta vila costeira da provincia de Pontevedra, onde o metro cadrado sae a prezo de ouro, "ten zonas que dificilmente son reversibles", e outras onde aínda se podería "revertir" o modelo. Iso si, "nunca se poderá chegar á situación dos anos 30", lamentou o decano dos arquitectos galegos.

García Braña facía estas declaracións na presentación do I Congreso Internacional de Territorio e Urbanismo. Sociólogos, avogados, enxeñeiros, xeógrafos e arquitectos presentaron métodos e solucións para intervir no territorio. Tamén estudaron a súa aplicación en Galicia.

As críticas a Sanxenxo, localidade de 17.000 habitantes e 24 km de costa, cuxo clima suave e templado atrae a miles de turistas todos os anos, non chegaron só por boca do representante dos arquitectos galegos.

O director xeral de Urbanismo, Ramón Lueje, abundou na polémica, ao reflexionar: "Non se entende como hai alcaldes que poden ser construtores e exercer de construtores no seu propio municipio, xa que dificilmente pode entenderse ata que punto defende os seus propios intereses ou os do conxunto da cidadanía". No caso de Sanxenxo, vila sometida a unha forte presión urbanística, o alcalde, o popular Telmo Martín, compaxinou a súa responsabilidade política co seu oficio de construtor.

No futuro, a súa previsión é seguir facendo o mesmo, pero en Pontevedra, pois se presenta como candidato a alcalde polo PP na capital provincial nas eleccións de maio do próximo ano.

Stop

Non só se falou de Sanxenxo. O decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Celestino García Braña, advertiu de que "chegou o momento de poñer o Stop ao actual desenvolvemento urbanístico" na comunidade. Tamén aseverou que hai solucións técnicas ao feísmo, pero o máis difícil son as respostas políticas.

O urbanismo non é outra cousa que reequilibrar, corrixir. E hoxe hai solucións técnicas para reequilibrar o territorio, e gañando diñeiro", concluíu.

Pola súa banda, o director xeral de Urbanismo, Ramón Lueje, sinalou a Rías Baixas, a Costa da Morte e a Mariña lucense como as principais zonas acosadas pola "presión inmobiliaria".

Así mesmo Ramón Lueje vaticinou que "se continuamos cos actuais modelos de desenvolvemento, chegaremos ao caos".

Etiquetas:

0 Comentários:

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]



<< Página inicial