Salvemos Sanxenxo

12 fevereiro 2007

PROPOSTAS DO COLECTIVO ECOLOXISTA DO SALNÉS ÓS PARTIDOS POLÍTICOS E LISTAS ELECTORAIS EN MATERIA DE MEDIOAMBIENTE. ELECCIÓNS MUNICIPAIS. MAIO 2007

Neste documento o Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) pretende presentar aos partidos que concorran ás eleccións municipais na comarca do Salnés unha serie de medidas e actuacións medioambientais, coa fin de que podan ser recollidas tanto no programa electoral como na actuación práctica, tanto dende o goberno como dende a oposición.

Estas medidas pretenden achegar alternativas realistas para abrir camiño, dunha vez por todas, cara un progreso ben entendido, onde os veciños do Salnés podan acadar altas cotas de nivel de vida sen merma da súa saúde ou da súa paisaxe. Por iso é preciso implantar nos concellos do Salnés unha xestión ambiental e unha política que minimice o deterioro ambiental que están a sufrir os ríos, o mar, o ar, a biodiversidade, a paisaxe e a riqueza cultural da comarca.

Así, as propostas presentadas non teñen un caracter innovador, pois nen tan sequera o eran cando as presentamos nunha carta similar co gallo das eleccións do 2003. Tristemente, moitas destas propostas seguen a ser precisas, polo que queda moito por facer no eido ambiental. Agardamos, pois, que estas ideas sexan recollidas e asumidas como propias polos partidos dacomarca.

PROPOSTAS XERAIS. (Aplicables a todos os concellos)

Estas propostas parten das deficiencias xerais en tema de medio ambiente, observadas nos concellos do Salnés. A maior parte destas propostas poden ser levadas a cabo pola iniciativa de cada concello. Algunhas destas propostas só poderían levarse a cabo por medio dun organismo de ámbito administrativo máis amplo, como a Mancomunidade de municipios. Noutros casos sería preciso que os concellos ou a propia Mancomunidade exerzan presión ou soliciten as axudas convenientes a outras administracións de rango superior.

RESIDUOS

• Elaboración do Plan de xestión de residuos municipais.

• Establecemento dun plan de recollida de residuos agrícolas.

• Campaña de reducción de residuos e de consumo responsable que pode orientarse a asociacións de consumidores, amas de casa ou mulleres rurais e pode levarse a cabo mediante charlas e obradoiros.

• Posta en funcionamento dun plan de compostaxe de materia orgánica para levar a cabo na Mancomunidade do Salnés.

• Retomar campañas axeitadas de selección de residuos, que deben de ir orientadas ó vecindario e con especial incidencia ós sectores turísticos e hosteleiros.

• Aumentar o número de contentores de recollida selectiva, con especial incidencia nos núcleos rurais.

• Informar á cidadanía da existencia dos puntos limpos, concienciándolle da importancia da súa colaboración na adecuada xestión dos residuos, sobre todo os tóxicos e perigosos. A este respecto existen xa experiencias de puntos limpos móbiles, constando dun camión-remolque con distintos compartimentos debidamente identificados que fan unha ruta periódica polas distintas parroquias, achegando así o punto limpo ao cidadán.

• Creación dunha planta de trituración e reciclaxe de restos de obra, crucial para unha xestión apropiada dos residuos derivados da actividade turística crecente nesta comarca.

• Extensión do uso do papel reciclado en todas as dependencias dos Concellos e organismos vencellados. Estimulación do uso do papel reciclado mediante unha campaña informativa e subvencións da súa compra a organismos de carácter público de ámbito municipal ou comarcal.

• Implantar a separación do papel nas oficinas e dependencias municipais, colocando papeleiras adecuadas e realizando campañas de concienciación aos traballadores.

• Creación de ordenanzas para regular a recollida de lixo e a limpeza viaria.

• Esixencia aos promotores de construccións de máis de 25 vivendas (ou no desenvolvemento de PEI´s e SAUs) a contenerización de recollida selectiva para esas novas vivendas.

• Eliminación ou selado de todo tipo de vertedoiros incontrolados.

• Limpeza periódica de lixo nas praias, usando técnicas de recollida manual, respectuosas coa duna e coa praia.

De cara á campaña electoral solicitamos moderación no uso de papel

AUGAS

• Construcción ou redimensionamento de depuradoras de augas residuais. Dotación de medidas correctoras naquelas nas que a depuración presenta deficiencias. Implantación de tratamento terciario.

• Instalación de plantas depuradoras compactas e prefabricadas para a depuración de augas residuais domésticas de pequenos núcleos de poboación alonxados da rede de saneamento.

• Reutilización das augas depuradas para rega dos xardíns ou outras labouras.

• Separación de augas pluviais e fecais en todos os núcleos de poboación.

• Extensión da rede de sumidoiros para todo o rural habitado.

• Arranxo e dotación de sumidoiros e depuradoras de pretratamento en polígonos industriais e esixencia da dotación de medidas de depuración axeitadas en empresas que non contan con elas (fábricas de conservas, maquilas…)

CONTAMINACIÓN

• Esixencia ante as administracións competentes de controis periódicos de calidade de aire nos lugares próximos a distintos puntos de emisión.

• Vixiancia estricta dos vertidos directos ao mar e aos cauces fluviais.

• Control dos parámetros de calidade das augas nos mananciais, ríos e mar, especialmente preto das zonas de emisión. Estes controis deben de facerse públicos mediante informe anual que permita coñecer cales son os principais puntos negros e de cara a tomar as medidas necesarias para solucionar estes focos de contaminación.
• Medidas de reducción de contaminación lumínica.
• Elaboración de mapa de contaminación acústica. Dotación de pantallas acústicas (arborado) para os lugares de máis contaminación acústica. (Márxenes da vía rápida, polígonos industriais ou estradas con máis tráfico). Esixencia do cumprimento das normativas vixentes relativas á contaminación acústica.
• Esixencia estricta do cumprimento da normativa de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas.
• Plan de control de contaminación de solos. Cunha especial incidencia nos terreos adicados á agricultura intensiva e de viñedos. O seu obxectivo debe ser o de valorar o estado das terras de cultivo e a súa adecuación para a producción de alimentos saudables.

• Plan de fomento de agricultura biolóxica.

• Moratoria para a instalación de novas antenas de telefonía móbil en núcleos habitados.

• Declaración de zona antinuclear para todos os concellos do Salnés.

• Creación por parte da Mancomunidade dun equipo de policía local especializado en vixiancia ambiental.

• Promoción do transporte público na comarca. Creación dunha liña de autobuses periódicas, sobre todo no verán, para o desprazamento a praias.

PAISAXE E PATRIMONIO NATURAL

• Inclusión nos PXOM de medidas tendentes a unha construcción en harmonía coa paisaxe.

• Plantación de árbores con criterios ambientais en zonas públicas urbanas.

Catalogación e preservación de árbores que polas súas características (porte, tamaño, especie, enclave...), deban ser conservadas.

• Compra progresiva ou expropiación dos terreos de dominio público marítimo terrestre para conservación ou uso público sustentable.

• Elaboración ou revisión no seu caso do plan de extinción de incendios de cada concello.

• Restauración das marxes dos ríos, permitindo a restauración natural ou mediante replantación de especies autóctonas de bosque de ribeira. Vixiancia destas zonas.

• Plan de restauración das praias e o seu entorno, afectadas por depuradoras, tendidos eléctricos, tubarias, aparacadoiros sobre zona dunar, invasión de flora alóctona...

• Recuperación ambiental de zonas degradadas como canteiras e barreiras.

• Esixencia de soterramento de cableado eléctrico de alta e media tensión, con medidas tendentes á minimización do seu impacto.

• Formación de pantallas arbóreas nas zonas de maior impacto paisaxístico: polígonos industriais, vía rápida, escavacións…

• Recuperación dos camiños antigos a pé. Dotación de carril bicicletas entre as principais vilas do Salnés e dotación de aparcamentos para bicicletas. Eliminación de vellas pistas e trazados para plantación de arborado e axardinamentos.

• Construcción e xestión do mantemento dun centro de recuperación de fauna silvestre e especialmente de mamíferos mariños (cetáceos, focas) e tartarugas mariñas.

• Solicitar ante a administración autonómica a declaración do Complexo Intermareal Umia- O Grove como Parque Natural.

EDUCACIÓN AMBIENTAL E INVESTIGACIÓN

• Creación dun centro de documentación e bibllioteca especializada no patrimonio natural e cultural da comarca do Salnés.

• Promoción de actividades de coñecemento e campañas de divulgación dos valores naturais e culturais presentes na comarca destinados aos propios veciños.

• Construcción e mantemento dun Centro de investigación dos fondos mariños para a Ría de Arousa.

• Construcción dun parque temático dos ecosistemas galegos, con plantación dos distintos tipos de bosques e de formacións vexetais conformadoras da paisaxe.

• Campañas de revalorización e coñecemento dos elementos naturais, paisaxísticos, históricos e culturais do Salnés.

• Elaboración e promoción a nivel municipal e comarcal dunha ruta da historia e da arte.

• Campañas educativas e informativas, para nenos e adultos, sobre sobre hábitos saudables para nós e a natureza: aforro enerxético, residuos, mobilidade urbán...

• Programas de educación para a paz, dirixidos a rapaces/zas e mozos/as en idade escolar.

• Organización ou subvención, ó longo do curso académico, de actividades de educación ambiental para alumnos de Infantil, Primaria, E.S.O., Bacharelato e Ciclos Formativos.

• Organización de cursos de formación e sistemas de certificación en ecoturismo, tursimo sostible e turismo de natureza, dirixidos aos hostaleiros.

ENERXÍA E RECURSOS

• Plan de aforro enerxético nas iluminacións públicas: dotación de lámpadas de aforro enerxético e reducción de intensidade lumínica ou supresión do alumeado público en horas de mínima actividade.

• Campaña de aforro de auga e enerxía eléctrica mediante difusión das medidas tendentes a diminuir o gasto así como subvención de sistemas de aforro nas casas.

• Eliminación das luces de sinalización das rotondas e sustitución por sinais con catadióptricos.

• Implantación nos edificios públicos dependentes dos Concellos de sistemas de calefacción de auga quente sanitaria, ou da piscina municipal, se a houbese, mediante enerxía solar térmica.

• Implantación de sistemas de xeneración de electricidade, previo estudo enerxético, nos edificios dependentes das administracións locais, mediante a colocación de placas solares nos tellados e fachadas.

• Construcción dunha planta de procesamento de residuos da broza dos montes, limpeza das fincas, restos de poda, etc., para O Salnés con producción de enerxía.

• Dotación de axudas ou facilidades para a construcción bioclimática e para a dotación de medidas de aforro enerxético. Publicitación das axudas e subvencións procedentes doutras administracións de cara a distintas medidas de aforro enerxético (enerxía solar, construcción bioclimática…).

• Utilizar os principios, técnicas e materiais da construcción bioclimática nas dependencias municipais de nova construcción.

• Ambientalización das festas, é dicir, reducción do alumeado propio das festas do Nadal, das festas patronais, das festas gastronómicas e de exaltación do viño; dotación e distribución axeitada dos contentores que permitan a recollida selectiva dos residuos, campañas publicitarias en papel reciclado e dimensionadas á difusión real da propaganda.

• Instar e ó mesmo tempo facilitar ás empresas de nova creación a que sitúen as súas instalacións nos polígonos industriais, e promover o desprazamento a outras empresas, especialmente as que realicen tarefas que poidan entrar dentro das definidas no regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas ou perigosas.

• Promoción desde os Concellos e desde a Mancomunidade dos productos de orixe galego, pois aforran gastos de transporte.

• Nos concursos públicos para a contratación de empresas adicadas á construcción de diversas infraestructuras públicas, priorizar aquelas que utilicen materiais de construcción que proveñan da reutilización ou reciclaxe de restos de entullos e asimilables.

Outros

• Construcción dun Refuxio para fauna doméstica onde se potencie a adopción dos animais alí recollidos e creación dun sistema de recollida de ditos animais en toda a comarca.

• Adopción de boas prácticas á hora de consumo de todo tipo de materiais nas dependencias municipais (compra verde).

PROPOSTAS PARA O CONCELLODE SANXENXO

• Elaboración e posta en funcionamento dun plan de restauración e recuperación ambiental das lagoas de Rouxique e Fianteira.

• Recuperación da dinámica litoral de Baltar -Silgar- Os Barcos- Panadeira Lavapanos- Carabuxeira.

• Solicitude á administración competente da realización de controis exhaustivos de contaminación de aire a Cerámica Campo.

• Restauración e recuperación das zonas degradadas das dunas de Baltar, así como a preservación deste espacio natural ante calquera uso (instalacións fixas ou móbiles, e calquera tipo de evento deportivos ou festivo...) que impida a rexeneración de toda a superficie de duna secundaria.

• Redimensionamento dos sistemas de depuración de augas residuais do municipio.

• Continuar coas campañas de educación ambiental para hosteleiros con facilitación de medios para a recollida selectiva.

• Preservación e revalorización ambiental e turística mediante paneis informativos das zonas rochosas litorais urbanas de Portonovo.

Etiquetas: , ,

1 Comentários:

  • Me encargaré personalmente de trasmitir las propuestas al candidato de Vecinos Independientes por Sanxenxo, José Luis Rodriguez.

    Por Blogger Admin., Às 9:57 da tarde  

Enviar um comentário

Subscrever Enviar comentários [Atom]



<< Página inicial