Salvemos Sanxenxo

03 janeiro 2007

Salvemos Informa

  • Lei de medidas urxentes
A futura Lei de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral permitirá utilizar a incidencia supramunicipal para a construción de vivendas protexidas
A conselleira María José Caride sinala que se busca garantir o acceso dos cidadáns a unha vivenda digna e a prezos asequibles
A suspensión cautelar de desenvolvementos urbanísticos na franxa dos 500 metros do litoral estará vixente nun prazo máximo de dous anos
A futura Lei de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral permitirá utilizar a incidencia supramunicipal para a construción de vivendas protexidas
Image Hosted by ImageShack.us

O anteproxecto de Lei de Medidas Urxentes en materia de Ordenación do Territorio e do Litoral incluirá unha disposición adicional segundo a cal a Xunta de Galicia poderá utilizar plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal para levar a cabo actuacións de transformación urbanística de solo que teñan por finalidade a construción de vivendas suxeitas a algún réxime de protección pública.Así o sinalou hoxe a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, que avanzou o contido do anteproxecto de Lei de Medidas Urxentes que debe ser aprobado polo Consello da Xunta con anterioridade a súa remisión ao Parlamento.
Está previsto que o texto –a informe do Consello Económico e Social-, entre na Cámara autonómica o vindeiro mes de febreiro.María José Caride defendeu a obriga da Administración de facilitar e impulsar as políticas públicas de promoción en transformación de solo para a construción de vivendas sometidas a réximes de protección pública. Trátase, segundo dixo a conselleira, “de cumprir un mandato constitucional de garantir o acceso dos cidadáns a unha vivenda digna e a prezos asequibles”.
A disposición adicional incluída no anteproxecto modificará a Lei 10/1995, de Ordenación do Territorio de Galicia, de xeito que se amplían as posibilidades que a Xunta ten para impulsar plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, que ata o de agora estaban limitados a regular o solo destinado a infraestruturas, dotacións e instalacións de interese público ou utilidade social que transcenden máis aló dun termo municipal.Esta modificación da Lei 10/1995 tamén dotará á Xunta de instrumentos para a ordenación do territorio e lle confire facultades para poder para adoptar medidas cautelares que garantan a eficacia das normas nos procesos de redacción e tramitación.Durante a súa intervención ante os medios de comunicación, a conselleira recordou ademais que o anteproxecto de Lei recolle as medidas en materia de ordenación do territorio polas que –unha vez que a Lei entre en vigor- se suspenderán de xeito cautelar todos os novos desenvolvementos urbanísticos de terreos situados a menos de 500 metros do mar naqueles concellos que aínda non adaptaron o seu planeamento á lexislación urbanística vixente.
O texto incorpora as peticións da FEGAMP e da CEG para regular temporalmente a suspensión na franxa dos 500 metros. Esta suspensión, segundo o novo articulado do anteproxecto de Lei, aplicarase durante un prazo de dous anos dende a entrada en vigor da Lei ou ata a aprobación do Plan Territorial Integrado de Ordenación do Litoral (en elaboración por parte da CPTOPT) ou do correspondente Plan Xeral de Ordenación Municipal adaptado á Lei do Solo. O prazo de dous anos poderá ser prorrogado por acordo do Consello da Xunta por outro prazo máis de un ano como máximo.A suspensión –que a conselleira insistiu que se trata de transitoria en tanto non entre en vigor o Plan de Ordenación do Litoral ou ben os concellos aproben os seus PXOMs- afectará aos solos urbanizables en todos os concellos costeiros así como aos solos urbanos non consolidados nos concellos de menos de 50.000 habitantes, sempre que estean situados na citada franxa.
Non obstante, esta suspensión afectará unicamente en torno ao 13% do total de solo urbanizable que existe dentro da franxa de 500 metros nos 87 concellos do litoral (48 na Coruña, 30 en Pontevedra e 9 en Lugo).Así mesmo, a conselleira de Política Territorial explicou que, de acordo coa Consellería de Medio Rural, as medidas de prevención de incendios forestais nas urbanizacións que orixinariamente estaban previstas no anteproxecto de Lei de Medidas Urxentes quedan pasan a incorporarse ao proxecto de Lei de Prevención de Incendios Forestais.Doutra banda, o anteproxecto de Lei de Medidas Urxentes en materia de Ordenación do Territorio e do Litoral prevé a creación do Instituto de Estudos do Territorio, un organismo autónomo de carácter administrativo que terá como función principal prestar asistencia e asesoramento aos concellos para a elaboración, xestión, adecuación e execución do seu planeamento, así como realizar traballos de investigación e difusión e prestar apoio á Consellería.Outra das novidades dadas a coñecer pola conselleira de Política Territorial é a integración dos procedementos de avaliación ambiental estratéxica e da redacción do planeamento dun concello.
A futura Lei simplificará e axilizará dito proceso. Así mesmo, regulará qué tipo de plans urbanísticos e instrumentos de ordenación do territorio están sometidos á avaliación ambiental estratéxica, e establece un prazo máximo de un mes para que a Consellería de Medio Ambiente informe as memorias ambientais presentadas polos concellos.O texto final do anteproxecto de Lei de Medidas Urxentes foi elaborado logo de atender as propostas e alegacións das Consellerías, dos sectores económicos e municipais e dos distintos colectivos ecoloxistas.

Información:Só en Sanxenxo o proxecto de Caride podería comprometer máis de oito chans urbanizables S.U.

Etiquetas:

0 Comentários:

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]



<< Página inicial