Salvemos Sanxenxo

24 fevereiro 2007

Artigos

  • Marbella en Galicia

Calquera que coñeza en persoa, non por referencias, a capital do despilfarro da Costa do Sol se verá menos sorprendido que o resto polas recentes novas que durante os últimos días viñeron por en boca de todos o pouco glamour real de tanto luxo e desenfreo, ben sexa no aspecto sensual ou no urbanístico. Era unha evidencia, un clamor, que tal despilfarro e tal medre de capitais da noite para a mañá tiña detrás toda unha serie de resquicios que pouco podían ter que ver ca legalidade vixente que algúns tiñan que respectar escrupulosamente mentres outros podían burlar ao seu albur. Eí precisamente está un dos detalles que fan crebar a credibilidade do estado de dereito. Por qué o tercerio poder, a xustiza, tardou tanto tempo en meterlle o dente a fondo a unha evidencia tan clara? Téñase en conta que non foi por falla de denuncias ou reclamacións. Ben sabemos o caro é o dificil que se fai ás veces poder denunciar a quen ten unha posición de prevalencia sobre os demais, a quen o ten todo na man para poder facerche a vida imposible se tes a coraxe de denunciar as tropelías, irregularidades e actos ilegais que esa autoridade comete, pero habendo, como houbo, esas denuncias, tanto no ámbito público como no privado, por que non se actuou ca celeridade que o propio término de xustiza reclama? Hoxe, isa vergoña pública alcanza a todos os estamentos.

Á clase política en primeiro termo xa que, se ben non todos son iguais e tampouco todos son culpábeis nin partícipes do acontecido, si é certo que os cidadáns desconfían de que isa corrupción estea invadindo a todos por igual. Á administración de xustiza en segundo lugar xa que a súa desexada pero tardía intervención pode facer crer que a corrupción campa polos seus respectos e só tarde e mal se atalla. En definitiva, o asunto de Marbella debera ser un punto e aparte para que no futuro non permanezamos impasíbeis ante tamaños exemplos de perversión dos poderes públicos. Pero as galegas e os galegos non temos necesidade de ir tan lonxe para ver os efectos perniciosos da corrupción en política urbanística. Temos exemplos ben perto de nós. Tamén no noso país, Galiza, podemos observar a desmesura e o arrequecemento doado de quen utiliza indebidamente o poder outorgado polas urnas ou o compadreo económico para aproveitar decisións que non son iguais para todos. Estamos a vivir un proceso de marbellización da beiramar galega que non coido que dea en ren positivo para o conxunto do país. En todo caso, aproveitará a quen teña a oportunidade de especular no momento e lugar oportunos, pero a ninguén máis e, desde logo, non en beneficio de todos. É por iso que se fai necesario que os poderes públicos interveñan de xeito rápido e eficaz, sen dilación e sen dúbidas. Tendo o exemplo do acontecido en Marbella, non haberá escusa nin posíbel alegación de descoñecemento do pernicioso que pode resultar botar a manta á cabeza. Débese actuar con rapidez e contundencia.

Por outra banda, tamén o poder xudicial ten xa oportunidade de abrir brecha nese entramado, tanto de oficio canto por denuncia de parte. Hai casos xa sangrantes de agresións físicas e materiais por mor de denuncias en materia urbanística. Inda hai pouco tempo producíronse esas agresións a persoas físicas identificadas ca pretensión de atallar os desmáns propios de quen nunca tivo impedimento para campar por onde lles petaba. Agresións físicas e a bens materiais de quen se atreveu a facer valer o seu dereito a que se respectara a lei. Isas agresións acontecidas nos concellos de Gondomar e Nigrán, costeiros situados entre Vigo e Baiona, veñen a ser un aviso a navegantes para tratar de disuadir a todos os que estamos interesados en que a especulación urbanística e a corrupción dos electos que poden tomar decisións ao respecto non sexa o normal, o habitual, e confiamos en que a Xustiza cumpra co seu papel e poña a bo recaudo a quen non ten escrúpulo ningún en aproveitar o seu cárrego institucional para actuar en beneficio propio con absoluta ignorancia da legalidade.

As denuncias realizadas polos agredidos en Gondomar e Nigrán van dar a oportunidade á xustiza de demostrar a súa eficacia para que o conxunto dos cidadáns poida visualizar que non imos camiño de ter que soportar unha mafia do tixolo que poda facer e desfacer con vidas e facendas alleas. É necesario que a sociedade, no seu conxunto, se vexa respaldada pola acción xudicial. Somentes dese xeito poderemos evitar que a beiramar galega se vexa afectada pola mesma senrazón que ten afectado a unha costa mediterránea da que o caso de Marbella aparece como punta do iceberg.

As institucións europeas teñen xa denunciado reiteradamente o caso da costa valenciana( axente urbanizador). Aquí aínda estamos a tempo. Estamos á prol dun desenvolvemento axeitado e sostido no tempo. Caer en mans de quen só especula en beneficio propio e actua de xeito mafioso ou corrupto para obter os seus obxectivos non pode levarnos a ningures e somentes nos conducirá a unha ruína económica e moral en ningún caso desexable.

Máis artigos:(-1-) , (-2-) , (-3-), (-4-)

Etiquetas:

0 Comentários:

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]



<< Página inicial